Era un día moi nuboso de finais de inverno.
- Témeme que hoxe non poderei ir ó porto cos amigos -dixo mirando ó ceo- Aínda que agora non chove, paréceme que nun chisco vai caer unha boa.
- Non te creas; por min podes ir sempre que veñas antes das oito e media, xa o sabes. Amais, creo que non vai a chover. Só é néboa.
- Pois se ti o dis, avoíña, crereite. Meu Carameliño, podemos ir a pasear ó porto!-o can deu saltos de alegría pola boa noticia da súa ama.
Eran as catro e cuarto cando Sara puxo o can enriba da cestiña que levaba na súa bicicleta. Meliño movía moito o rabo: era sinal de que estaba moi ledo por ir pasear coa súa ama. Case todas as tardes iban xogar e correr ao porto. Alí estaban os compañeiros da clase de Sara.
A rapaza botou a andar sobre a bicicleta costa abaixo, cara o porto.
O porto era o lugar favorito de todos os rapaces. Tódalas tardes de primavera ían xogar ó parque, que estaba no norte do porto. Levaba aquel lugar tanto tempo sendo o seu punto de encontro, que xa fixeran unha cabana entre unhas rochas. O muro norte, que protexía ós barcos do porto do forte vento do norte, estaba pintado polos rapaces dos colexios. Pintábano tódolos anos en cores azuis e verdes. O muro do oeste, en cambio, quedara ca cor do cemento. Aquela era unha zona perigosa, xa que as ondas rompían con tanta forza que ascendían un par de metros por riba do muro.
Sara chegou ó parque, pero non estaban alí os seus amigos. Decidiu dar unha volta polo paseo, por se estaban na praia ou na fonte, mais alí non había ninguén. Sara nunca vira o porto tan baleiro. Os mariñeiros estaban recollendo os barcos. Sara escoitou a conversa entre dous vellos lobos de mar:
- Ai! A xente preocúpase demasiado. As previsións do tempo anuncian unha gran tormenta, pero a min paréceme que moita leria pero non vai ser tanta cousa como din.
- Xa, que tormenta nin que caracolas! ...
Sara esquecérase do can, e agora chiaba coma un paxaro.
- Carameliño, síntoo! Esquecérame de ti! -dixo Sara, abrindo a cestiña e collendo o can.
No hay comentarios:
Publicar un comentario